Monday 06 de May de 2024

O parque do Castelo contará cunha nova superficie de caucho


Na próxima semana concluirá a pavimentación con caucho continuo no parque do Castelo. Trátase dunha actuación que lle dá continuidade á liña de traballo de mellora dos espazos de lecer destinados ás crianzas, como xa sucedeu na Lombiña, no Vilariño ou na Granxa, ademais do xa proxectado na Angustia e a dotación dun módulo cuberto no de Venecia, segundo avanza o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra).

A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), indica que as tarefas comprenden a substitución do anterior caucho e o céspede artificial pola extensión de novo polímero antiesvarante en distintas cores. A empresa Ouri Entretenimientos S.L. resultou adxudicataria desta intervención por un importe total de 48.301 euros, IVE incluído, con cargo ao remanente da Tesouraría de 2021.

Con relación a isto último, o rexedor explica que a aprobación da conta xeral no último trimestre do pasado exercicio e a consecuente disposición da partida orzamentaria motiva que a obra se execute nesta época.